A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe en representación da provincia de Ourense, na presentación da XXXIII edición de Xantar en Zamora. No acto participou o presidente da Deputación de Zamora acompañado polo deputado provincial de Agricultura, o delegado territorial da Xunta en Ourense, e o xerente de Expourense.
Emma González aproveitou que a presentación fora en Zamora para lembrar “a cooperación que se está a levar a cabo entre ambas provincias que comparten recursos turísticos como son a enogastronomía, a natureza e o patrimonio”. De feito, o Inorde e a Deputación de Zamora son socios do proxecto europeo “Caminos Jacobeos del Oeste Peninsular” a través do cal está a poñerse en valor o Camiño da Vía da Prata- camiño Mozárabe e o Camiño Sanabrés. Así como, formando parte do protocolo de colaboración “Sabores Provinciales”.
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, acudirá un ano máis a Xantar, única feira internacional de turismo gastronómico de España, cun restaurante propio para promocionar a calidade agroalimentaria da provincia, nesta ocasión cun menú vencellado ao Camiño da Vía da Prata e ao Camiño de Inverno (ambos itinerarios oficiais que pasan pola provincia), con motivo da celebración do segundo ano deste bienio do Xacobeo.
Por elo, do 9 ao 13 de novembro, o restaurante do Inorde ofrecerá aos asistentes o menú “Camiños EnOUgastronómicos”, elaborado polo recoñecido chef Carlos Parra.