O evento deportivo, organizado polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, volveu ao seu formato orixinal e ofrecerá os días 9 e 10 de xullo, probas de nado, ciclismo e carreira
O Inorde organiza co apoio de Turismo de Galicia unha nova edición do “Arnoia Termal Sports” que volve ao seu formato orixinal ofrecendo os días 9 e 10 de xullo, competicións de nado, ciclismo e de carreira. Este formato está pensado para chegar a deportistas de diferentes disciplinas co fin último de atraer ao maior público posible e potenciar os recursos termais e naturais do territorio e o seu atractivo turístico.
Para elo, proponse para o sábado, 9 de xullo, pola mañá unha travesía a nado con dúas posibles distancias de 1200 con saída ás 10.15 horas, e de 3000 metros que sairán ás 10.00 horas. Pola tarde, unha proba de cronoescalada en ciclismo de estrada de 9,5 km que rematará no alto da Lapela e que supera nalgúns tramos máis do 22% de desnivel. Por último, para o domingo a partir das 10.30 horas, será a quenda para a carreira de 8 km. Todas as saídas realizaranse desde o embarcadoiro de Arnoia, e os interesados en participar xa poden inscribirse nalgunha das probas propostas ou no desafío completo.
A Arnoia forma parte do destino “Ourense Termal”, e esta actuación incide en dous dos recursos cabeceira da marca turística “OU”, como son o termalismo e a natureza, aínda que neste municipio podemos atopar tamén enogastronomía e patrimonio, complementando así os valores que se transmiten do posicionamento turístico de “Ourense, a provincia xenuina”.
Máis información e inscricións: https://www.deporticket.com/web-evento/6914-arnoia-termal-sports