Cuarta reunión do grupo do proxecto “Keep on”

 
  • Esta iniciativa ten como obxectivo desenvolver políticas eficaces para proxectos duradeiros e sostibles no sector do patrimonio cultural.
  • “Keep on” é un proxecto de cooperación interterritorial cun período de execución e monitoraxe de cinco anos e cun importe total de 1.370.543 euros, do que o Inorde achega 316.840 euros.

Ourense, 9 de xullo de 2020.- O grupo do Proxecto “Keep on”, que ten como obxectivo desenvolver políticas eficaces para proxectos duradeiros e sostibles do patrimonio cultural, celebrou a súa cuarta reunión na sala de xuntas do Pazo Provincial. No encontro, no que estiveron a maioría das entidades que conforman o grupo, participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; a xefa territorial de Cultura en Ourense, Sandra Quintas; a conselleira técnica do Ministerio de Facenda e autoridade nacional do POCTEP, Belén Muñoz; o xestor cultural do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro; a técnica do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia – Arnoia (GDR-10), María Ángeles Novoa; o auditor de BM Auditores, Gonzalo Losada.

“Keep On” é un proxecto de cooperación interterritorial (Interreg Europe) cun período de execución e monitoraxe de 5 anos (01.06.2018 – 30.06.2023), cun importe total de 1.370.543 euros dos que o Inorde achega 316.840 euros. No proxecto participan socios de Polonia, Grecia, Holanda, Portugal, Italia e Croacia.

O obxectivo xeral desta iniciativa é mellorar as políticas públicas en materia de patrimonio cultural para desenvolver proxectos de alta calidade, que permitan resultados sostibles coa utilización razoable de fondos públicos, e que teñan un impacto duradeiro no desenvolvemento rexional. Cada un dos países participantes escolle un instrumento de política para tratar de mellorar o seu efecto, para iso implícase a axentes e institucións que tomen parte na elaboración, xestión desa política.

Como parte das accións de intercambio de experiencias celébrase a reunión semestral co grupo de partes interesadas que con motivo da pandemia se tivo que aprazar para este semestre. Nesta nova reunión debatéronse cuestións que desde as distintas entidades xorden da práctica no traballo diario en proxectos de promoción, conservación e rehabilitación do patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. Estas achegas son de especial importancia nesta época de crise sanitaria e económica, na que temos que cambiar os nosos hábitos.

Estes novos comportamentos débense ver reflectidos na elaboración de proxectos de patrimonio cultural. Ao mesmo tempo as autoridades de avaliación dos mesmos deben dar un impulso aínda maior á sustentabilidade como medio eficaz de conservar e rehabilitar o patrimonio cultural.

Así mesmo, debateuse sobre a Guía Práctica de Patrimonio Cultural e Sostebilidade, un documento elaborado coa achega de tódolos socios do proxecto e que nos permite coñecer como se traballa en prol do patrimonio cultural, así como os desafíos aos que dar resposta. A participación do Grupo de partes interesadas é unha parte esencial do proceso de aprendizaxe dentro do proxecto.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email