Rosendo Fernández presentou a alcaldes e representantes de trece concellos da provincia este plan que “require do traballo coordinado e conxunto de todos para propoñer accións que melloren a sustentabilidade do modelo de desenvolvemento turístico”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense
Os municipios participantes no encontro foron: Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños e Ribadavia
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado pola técnico que dirixirá a candidatura a fondos para o desenvolvemento de Plans de Sustentabilidade Turística para “Ourense Provincia Termal”, Carmen Pardo, convocaron hoxe, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, unha reunión de traballo con catorce alcaldes da provincia para presentarlles este proxecto que “require do traballo coordinado e conxunto de todos para propoñer accións que melloren a sustentabilidade do modelo de desenvolvemento turístico”, dixo Rosendo Fernández.
Por medio da Fundación Juana de Vega, a Deputación de Ourense está a elaborar un Plan de Sustentabilidade Turística para o destino “Ourense Provincia Termal”, logo da reunión mantida entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, na que acordaron desenvolver dito Plan que destaque o liderado da provincia como destino termal de referencia.
Esta iniciativa, na que colaborarán a Xunta, o Goberno central e as entidades locais, pretende reactivar o sector turístico da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial. O obxectivo desta iniciativa é “facer despegar os nosos territorios termais en Ourense e conseguir este financiamento que pode ser vital”, dixo o vicepresidente do goberno provincial.
No encontro participaron os alcaldes e representantes dos concellos de Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños e Ribadavia.
O sector turístico está a ser un dos sectores máis afectados pola pandemia do COVID-19, por elo, o Goberno de España abriu prazo para presentar candidaturas ao Programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos que pretenden contribuír a que, cando volva a recuperación, sexa máis responsable e sostible.
Este programa axudará a entidades locais xestoras dos destinos turísticos a artellar plans de acción locais que incorporen actuacións en resposta a esta crise, que melloren a sustentabilidade dos destinos e que, en estreita colaboración co sector privado, permitan recuperar, manter e atraer a demanda turística.