Emma González toma posesión como xerente do Inorde

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe o acto de toma de posesión de Emma González como nova xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), acto ao que tamén asistiu o presidente desta entidade, Rosendo Fernández. Emma González, ata o de agora directora adxunta de Expourense, comeza así a desenvolver o seu labor ao fronte do Inorde, organismo autónomo da Deputación de Ourense que ten encomendadas funcións de dinamización da provincia, xestión de fondos europeos e colaboración público-privada nos ámbitos económico e social.

Manuel Baltar afirmou que a nova xerente chega ao Inorde “logo de ser o seu perfil o máis valorado, despois do proceso de libre concorrencia, deixando atrás unha etapa de éxito ao fronte de Expourense; unha traxectoria de traballo intachable, fundamentalmente en rede con outras organizacións, explotando as condicións máis importantes da nosa provincia”.

O presidente do goberno provincial salienta que Emma González “dará ao Inorde unha nova velocidade, nun momento especialmente importante no que atinxe aos fondos europeos, para desenvolver un labor de máxima relevancia para a nosa provincia en sectores como o agroalimentario e o ámbito do turismo, e conta cun equipo perfectamente deseñado para conseguir os seus obxectivos, entre os que figura o gran reto do programa de goberno da institución provincial “Ourense 7273″, ao que iremos sumando novos proxectos grazas á súa capacidade para xerar traballo en rede e contactos en asuntos tan importantes como o termalismo e o turismo; e, sen dúbida, ese novo pulo que lle vai dar ao Inorde avanza cara á gran profesionalización e á identificación cos obxectivos do Inorde, que son os da provincia”. “Emma González –subliña Baltar- está chamada a liderar este novo momento nun organismo autónomo que precisa deste novo empuxe”.

Emma González é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Comunicación Empresarial. Conta cunha experiencia de máis de quince anos traballando no sector público e desempeñando cargos de dirección, así como no Consello executivo do Clúster de Turismo de Galicia, sendo, ademais titulada en Xestión sostible de destinos turísticos.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: