A través do Inorde e coa cooperación da Axencia Galega de Turismo e a Secretaría de Estado de Turismo, 25 empresas renovan a súa acreditación e 22 obtéñena por primeira vez
O Centro de Interpretación Aquis Querquennae, un dos que reciben o distintivo, acolleu o acto de entrega
Ourense, 12 de maio de 2025.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou hoxe a aposta da Deputación de Ourense polo “turismo sostible e de calidade” e o apoio aos emprendedores como “axentes fundamentais para fixar poboación”. Estas declaracións producíronse durante o acto de entrega dos distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística (SICTED) a 47 servizos turísticos do destino Ourense Termal, celebrado no Centro de Interpretación Aquae Querquennae, un dos proxectos que reciben distintivo e que este ano celebra o seu 50 aniversariop.
Estas acreditacións, das que 25 pertencen a produtos ou servizos que renovan o seu selo de calidade e 22 que o obteñen por primeira vez, forman parte dun traballo conxunto entre as administracións e o sector privado, estruturadas a través da Mesa de Calidade do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).
Os distintivos SICTED son unha ferramenta que mide a calidade dos diferentes destinos turísticos, recoñecendo ese estándar alto dos diferentes servizos e produtos que hai na zona.
Neste sentido, Luis Menor subliñou que estas distincións son un “logro compartido” e puxo en valor a cooperación público-privada. A Deputación xestiona estes distintivos a través do Inorde, e mediante un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Por outra banda, o presidente provincial puxo o foco no turismo como unha das “oportunidades” de Ourense, que “cada vez deixa de ser esa gran descoñecida”, dixo.
Tamén amosou o apoio da institución ourensá aos emprendedores e destacou a súa contribución á mellora do tecido socioeconómico da provincia.
A alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes. Tamén participaron no encontro o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.
Un dúo de piano e voz, integrantes da Orquestra Ourensanía, foi o encargado de amenizar o acto.
De bodegas a hoteis
Dentro dos recoñecidos hoxe co distintivo SICTED, hai diversos sectores representados.
Bodegas, balnearios, experiencias turísticas, talleres, restaurantes ou todo tipo de aloxamentos están entre os proxectos que acadan estas acreditacións de calidade.
Plan de Sustentabilidade da Provincia Ourense Termal
Os diplomas SICTED forman parte das iniciativas do Plan de Sustentabilidade da Provincia Ourense Termal, como unha ferramenta útil para seguir promovendo o turismo de calidade e sostible.
Dentro do plan, tamén se contempla un programa de formación para a mellora de competitividade, do que se poden beneficiar os emprendedores da provincia.
Ademais, dentro do plan están promovéndose diferentes accións como a creación dun parque termal-lúdico en Arnoia, a primeira piscina termal inclusiva ao aire libre en Punxín, a reforma do balneario de Berán ou os ecobarcos, entre outras iniciativas.