Esta acción formativa enmárcase no curso de técnicas básicas e operacións auxiliares en agricultura que cada ano poñen en marcha ambas entidades para dotar de coñecementos, nun dos sectores que máis demanda man de obra cualificada na provincia
A xerente do Inorde e a coordinadora de Programas de Cáritas Ourense asistiron hoxe á apertura do curso no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia
O Inorde e Cáritas Ourense renovan a súa alianza de colaboración para desenvolver unha nova acción formativa en técnicas básicas e operacións auxiliares en agricultura co obxectivo de dotar de coñecementos ás persoas en risco de exclusión social, nun dos sectores que máis demanda ten actualmente de man de obra cualificada na provincia. A xerente do Inorde, Emma González, e a coordinadora de Programas de Cáritas Ourense, Mª Carmen Alonso, asistiron hoxe á apertura do curso, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia, que deu comezo cun módulo de alfabetización previo que “tan boa acollida están a ter desde que o puxemos en marcha porque permite dotar ao alumnado de ferramentas que lles permitan posteriormente, lograr unha maior comprensión da formación agraria propiamente dita”, salientou Emma González.
Coa posta en marcha desta nova edición, “materializamos un dos compromisos que mantén o Inorde co tecido social da nosa provincia que precisa, nestes tempos de dificultade económica, contar co apoio das institucións públicas. Neste caso, ofrecendo un curso para que o alumnado poida mellorar a súa empregabilidade no sector agrario, así como doar os produtos colleitados durante a parte práctica da formación a comedores sociais de Cáritas Ourense ou á súa rede de apoio económico-social”, lembrou a xerente do Inorde.
A reedición da colaboración entre o Inorde e Cáritas Ourense conta este ano coa novidade de incluír, entre os participantes, a integrantes nos programas de protección internacional que Cáritas Ourense desenvolve con ACNUR.
Máis de 100 persoas participaron neste curso ao longo dos dez anos que leva en marcha esta acción formativa
Este curso leva formando, nos dez anos que leva de andaina, a máis de 100 persoas, aportándolle as habilidades e os coñecementos técnicos precisos para acadar un lugar na estrutura produtiva do sector primario, vía posto de traballo ou ben por iniciar procesos de emprendemento e autoemprego.
Esta acción formativa iniciada hoxe, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo, comezou co módulo de alfabetización que será impartido por persoal técnico de Cáritas Ourense. Posteriormente, o alumnado, que participou neste módulo como aqueles que non precisaron dito apoio, pasarán a recibir unha formación eminentemente práctica en relación ós labores de cultivo máis habituais na zona, que os capacitarán para desenvolver un traballo agrario cun mínimo de aptitudes técnicas. Na terceira fase do curso, ensinaráselles os pasos a realizar durante os labores de almacenaxe e transformación primaria dos produtos agrícolas sobre os que traballaron na fase práctica de técnicas de cultivo.
E, por último, mostra dese compromiso social anteriormente citado, destinarase toda a produción agraria obtida durante a formación en campo, a paliar as demandas de alimentos que Cáritas Ourense asume durante todo o ano. “Este feito supón unha inxección de autoestima para o alumnado, conscientes de que os froitos do seu traballo compre un importante fin social”, sinalou a xerente do Inorde.