O Inorde colaborará coa Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou) nun proxecto que ten como obxectivo potenciar a presenza de produtores locais e produtos quilómetro 0 nos comedores escolares destes territorios. “Dáse a circunstancia de que na maioría dos comedores escolares destes municipios ubicados na contorna da cidade son de xestión propia o que facilita que mediante unha serie de actividades de información, sensibilización e coordinación póidase conseguir por un lado, apoiar aos produtores locais e, por outro lado, fomentar unha cociña saudable neses comedores, e ao mesmo tempo, reducir a pegada do carbono”, explicou a xerente do Inorde, Emma González.
Esa colaboración do Inorde con Adercou materializarase, tal e como se expuxo na reunión mantida onte no salón de actos do centro cultural “Marcos Valcárcel”, cun convenio de colaboración entre ambas entidades a través do cal o Inorde comprométese a elaborar un censo de produtores locais e a deseñar un calendario dos produtos de tempada, así como a colaborar coa loxística e posta en marcha dalgunhas actividades divulgativas. “Trátase dun proxecto que se executará en varias fases, pero que estas primeiras actuacións terán lugar xa neste semestre do ano”, sinalou Emma González.
Na reunión participaron tamén o presidente, o secretario e a xerente de Adercou, Manuel Seoane, César Blanco e Beatriz Martínez, respectivamente, xunto con alcaldes e representantes dos municipios que integran esta entidade.