Máis de 160 deportistas daranse cita na VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” que se celebrará o venres, 21 de agosto, a partir das 18.00 horas, na pista de atletismo do Campus de Ourense. Esta proba de ámbito nacional incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo é “unha das competicións con maior nivel deportivo das que se celebran en Galicia durante a tempada”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo hoxe no Pazo Provincial, acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado; e o coordinador xeral de Ourense Termal Athletics Meeting, Eladio Gómez.
Neste mesmo sentido, o coordinador da proba dixo que o “Ourense Termal Athletics Meeting” situouse na edición de 2019 “no posto número 12 do ranking nacional de competicións en pista ao aire libre (Ranking elaborado pola RFEA)” e que esta edición de 2020 ten “unha especial relevancia porque tódolos atletas destacados precisan facer marcas para obter praza nos diferentes campionatos autonómicos e nacionais”, engadiu Eladio Gómez.
Os principais obxectivos do “Ourense Termal Athletics Meeting” son: difundir a través do deporte a imaxe de Ourense termal, e trasladar a nivel nacional e internacional, Ourense como destino turístico termal e seguro de calidade; establecer un encontro que lle sirva aos atletas de máis nivel para mellorar as súas marcas; e fomentar na sociedade hábitos de vida saudable e a práctica do deporte, explicou Eladio Gómez.
A organización da VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” estaba prevista, segundo Eladio Gómez, para o 9 de maio de 2020, pero tivo que aprazarse ata esta data por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Por elo, o coordinador xeral da proba explicou que se desenvolverá segundo o protocolo de actuación para o retorno ás competicións atléticas oficiais de Galicia – Fisicovid – DXT Galego en vixencia nese momento, e sinalou que a competición se celebrará a porta pechada, sen público.
As probas que se disputarán na competición son: 100 metros, 200 metros, 400 metros, 800 metros, lanzamento de peso, salto de altura, “e como novidade, incorporamos unha nova proba ao programa co salto de lonxitude, polo que engadimos a 10 atletas máis que sumados aos 154 inscritos fará que participen un total de 164 atletas neste “Ourense Termal”, sinalou Eladio Gómez, quen engadiu que haberá premios económicos para os homes e mulleres que obteñan as tres mellores marcas do meeting por táboa World Atlhetics.
Pola súa parte, Alfonso Mandado asegurou que a Universidade é “integradora e plural e debe colaborar coa sociedade ourensá” cedendo, neste caso, as instalacións para acoller “un meeting tan importante como este”. Así mesmo, Mario Guede destacou a relevancia deste evento deportivo, “referente a nivel nacional” que demostra, xunto con outras importantes probas, “a nosa gran capacidade para organizar eventos de gran nivel como este”.