O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde acolle a oficina de regadío da Xunta

O presidente do Inorde acompañou hoxe á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e ao delegado territorial da Xunta en Ourense, na visita ás instalacións que acollerán este espazo que o goberno autonómico pon en marcha para informar dos avances na mellora e modernización do regadío da Limia aos propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes

Rosendo Fernández agradeceu o traballo que está a realizar o goberno galego a prol do sector primario, “clave no desenvolvemento económico desta comarca”, e destacou a idoneidade de ubicalo “no noso Centro que xa é un referente para todo os agricultores da Limia, que complementa o traballo de asesoramento e axuda a todas as consultas que nos chegan desde calquera punto da xeografía ourensá”

Inés Santé sinalou que poden achegarse a solicitar información os propietarios de predios que non se adherisen ao regadío no seu momento pero aos que lles gustaría incorporarse cando estea ampliado

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Inorde acolle a oficina de regadío que a Xunta de Galicia pon en marcha para informar dos avances na mellora e modernización do regadío da Limia aos propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes. Por elo, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, recibiu hoxe á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé; e ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén que inauguraron estas instalacións.

A oficina estará permanentemente informando de todos os avances na mellora e modernización do regadío da Limia aos propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes de Lamas Ganade, San Salvador de Sabucedo, Corno do Monte e Alta Limia.

Rosendo Fernández agradeceu “as actuacións que está a realizar o goberno galego nesta comarca, referente agrícola en Galicia”, e destacou a idoneidade de ubicalo “no noso Centro que xa é un referente para todo os agricultores da Limia, que complementa o traballo de asesoramento e axuda a todas as consultas que nos chegan desde calquera punto da xeografía ourensá”.

Neste mesmo sentido, o presidente do Inorde destacou que “unha vez máis vemos como se materializa a cooperación provincial e autonómica e que, neste caso, permitirá aos agricultores estar informados de todo o tema vencellado ao regadío, nun lugar que para eles xa é familiar, como é o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro”.

Durante a visita, na que tamén participou a xerente do Inorde, Emma González, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, sinalou que poden achegarse a solicitar información os propietarios de predios que non se adherisen ao regadío no seu momento pero aos que lles gustaría incorporarse cando estea ampliado.

A directora xeral lembrou que o Goberno galego inviste preto de 4 millóns de euros nestes traballos de mellora e modernización do regadío. Os labores -xa iniciados- consisten na construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga nesta bisbarra ourensá, dos que xa están executados -segundo salientou- un terzo. Desta forma, avánzase na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira na comarca da Limia, de referencia para o rural galego.

As actuacións enmárcanse no investimento de arredor de 36 millóns de euros que destinará a Xunta e o Estado á bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego. Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case 4 millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural ante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, un investimento que Inés Santé agarda que se faga efectivo, de acordo co compromiso amosado polo Ministerio de Agricultura.

Ademais, cómpre engadir os máis de 600.000 euros que destinou a Consellería do Medio Rural, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, entre o ano pasado e este para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia.   

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: