O INORDE abre o prazo para participar como coexpositor en BioCultura A Coruña 2026

O INORDE abre a convocatoria para que empresas da provincia de Ourense participen como coexpositoras na 7ª edición de BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo máis importante do Estado, que se celebrará os días 6, 7 e 8 de marzo de 2026 en EXPOCoruña.

BioCultura reunirá nesta edición a máis de 150 expositores e espérase superar os 13.000 visitantes, consolidándose como un escaparate estratéxico para a promoción da produción ecolóxica, o turismo sostible e os proxectos vinculados ao eco estilo de vida. O evento contará ademais con máis de 150 actividades paralelas dirixidas a público profesional e xeral.

Poderán formar parte desta convocatoria empresas vinculadas aos seguintes ámbitos:

  • Alimentación ecolóxica certificada (máis de 10.000 referencias no conxunto da feira)
  • Ecoturismo
  • Cosmética eco-natural certificada
  • Moda sostible
  • Eco estilo de vida (bioconstrución, enerxías renovables, tratamento da auga, banca ética, turismo responsable, medio ambiente, artesanía, benestar, etc.)

 

Como novidade respecto a edicións anteriores, esta convocatoria incorpora a participación nunha Bolsa de Contratación Turística con turoperadores especializados en ecoturismo, que terá lugar o venres 6 de marzo, en horario de 10:00 a 14:30 horas.

Este espazo profesional está orientado á xeración de oportunidades comerciais e ao establecemento de contactos directos con operadores que buscan experiencias e provedores asociados ao turismo sostible.

Ofértanse 15 prazas para:

  • Aloxamentos turísticos
  • Empresas de guías e experiencias
  • Restauración
  • Adegas
  • Empresas de transporte de viaxeiros con servizos de cero emisións

 

Terán prioridade na selección:

  • Servizos turísticos acreditados no Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) no ámbito da provincia de Ourense.
  • Empresas participantes en programas de Ecoexperiencias desenvolvidos nos xeodestinos Terras de Celanova–Serra do Xurés e Trevinca–Valdeorras, ou en iniciativas similares promovidas por outras entidades.
  • Empresas integradas en programas de emprendemento impulsados pola Deputación de Ourense, como EMPRENDOU ou OUTERMAL.

 

Prazo de inscrición

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o día 24 de febreiro.

A participación nesta feira supón unha oportunidade para reforzar a visibilidade da oferta sostible da provincia, posicionarse nun mercado especializado e abrir novas vías de comercialización a través de contactos profesionais cualificados.

As empresas interesadas poden consultar a información completa do evento e formalizar a súa inscrición dentro do prazo establecido.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: