O obxecto das bases desta convocatoria, publicadas no Boletín Oficial da Provincia o día 29 de xuño, é regular a tramitación e concesión de subvencións para o financiamento de accións de dinamización e promoción do comercio local realizadas por ditas entidades
O Inorde destina un orzamento de 50.000 euros para cooperar coas asociacións de comerciantes da provincia de Ourense en accións de dinamización e promoción do comercio local. Esta convocatoria é posible grazas á partida que a Deputación de Ourense destinou na última modificación de crédito.
“Esta liña de axudas convócase por primeira vez para dar resposta as demandas que nos chegaron tanto á Deputación de Ourense como ao Inorde por parte das asociacións da provincia, co obxectivo de atender as súas necesidades e axudarlles a realizar actividades que contribúan a reactivar o comercio de proximidade, como así o levamos facendo nos últimos tempos cos proxectos que nos presentaron. Trátase, polo tanto, de fortalecer o propio asociacionismo como ferramenta para impulsar a cooperación, tanto público-privada, como a do sector entre si”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
As bases desta convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia o día 29 de xuño, para regular a tramitación e concesión, por parte do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico mediante convocatoria pública, a través do procedemento de concorrencia competitiva. Segundo as bases, consideraranse accións de dinamización e promoción do comercio local, entre outras, as exposicións e certames orientados á comercialización de produtos locais e ás campañas dirixidas á captación de socios e potenciais clientes. Cada entidade interesada presentará un único proxecto relativo a unha acción ou a un conxunto de accións. En todo caso, só poderán ser obxecto de subvención os proxectos cuxo orzamento sexa, como mínimo, de 4.000 euros, sendo o importe total máximo do proxecto de 15.000 euros. A contía da axuda pode alcanzar ata o 80% do investimento.
Os interesados en participar en dita convocatoria poderán presentar a súa solicitude a partir da publicación da convocatoria no BOP e ata o 29 de xullo de 2022. As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade interesada, serán dirixidas á Presidencia do Inorde, presentaranse de forma telemática, a través do Rexistro Xeral da sede electrónica da Deputación de Ourense, (https://sede.depourense.es/), a través do catálogo de trámites do rexistro electrónico, no que se utilizará o trámite denominado “solicitude de propósito xeral”.
Para máis información: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=147&fecha=20220629