O presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, reuníronse hoxe, vía telemática, cos representantes dos xeodestinos que xestiona dito organismo para informar das actividades que se van a realizar nos vindeiros meses en ambos territorios, a través do convenio asinado con Turismo de Galicia.
Primeiro foi a quenda para o xeodestino Manzaneda – Trevinca – Valdeorras, integrado polos concellos de A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras. Durante a reunión explicouse que entre as accións que se executarán neste territorio, deseñadas con visión de futuro, cabe destacar o lanzamento dun Whatsapp de información turística que permitirá ao visitante ter datos da zona incluso antes de chegar a ela.
Realizarase un modelo de estudo da demanda turística a través dunha enquisa, en colaboración coa Universidade de Vigo, para extraer dela información básica que permita deseñar, en base aos datos extraídos da mesma, as futuras accións a desenvolver neste xeodestino tendo en conta a opinión do visitante.
Así mesmo, desenvolverase un Plan de comunicación online para mellorar o posicionamento do xeodestino en redes sociais e captar a atención de potenciais visitantes do mercado de proximidade.
No que atinxe ao desenvolvemento do produto cabe destacar o apoio na creación de paquetes por parte de comercializadores, un traballo no que se leva meses a traballar para lograr enlazar o aloxamento coas posibles experiencias que pode ter o visitante neste xeodestino, o primeiro en contar cunha participación directa na guía gastronómica que se está a impulsar na provincia de Ourense.
Editaranse, ademais, soportes básicos de promoción como un vídeo do xeodestino e un folleto turístico con propostas de rutas e experiencias. Nesta mesma liña, está pensada a participación do territorio en feiras como Xantar e Intur.
E, nos vindeiros días, realizarase o primeiro dos dous famtrips, coa participación da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, que se realizarán neste xeodestino. Trátase dunha viaxe de familiarización polo territorio para que coñezan os recursos e a oferta das empresas locais e poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización.
Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés
Posteriormente, celebrouse a reunión telemática entre o Inorde e o xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés, conformado polos concellos de Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.
Neste xeodestino desenvolverase un Plan de comunicación online para mellorar o seu posicionamento en redes sociais e captar a atención de potenciais visitantes do mercado nacional (mercado de proximidade) e o mercado portugués. Neste apartado desenvolverase unha campaña con embaixadores do territorio como Paco Nadal e bloggers de viaxes en familia para difundir os produtos e experiencias turísticas deste xeodestino.
Haberá, ademais, soportes básicos de promoción como un folleto turístico con propostas de rutas e experiencias. O visitante poderá acceder ao folleto en papel ou poderá descargalo a través dun Qr, tanto en feiras como en oficinas de turismo. Nesta mesma liña, está pensada a participación do xeodestino en feiras como Xantar e Intur cun stand que contará cunha informadora turística.
Outro apartado importante será a formación a empresas locais e a técnicos municipais do proxecto de rutas da plataforma wikiloc e o mapa interactivo da web do Xeodestino. Ademais, levarase a cabo o traballo de mantemento e formación do proxecto de rutas de Geocaching: Geotour Celanova – Xurés.
Neste territorio realizaranse famtrips, coa participación da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia. Trátase dunha viaxe de familiarización polo territorio para que coñezan os recursos e a oferta das empresas locais e poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización.