O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, presentou hoxe, no Pazo Provincial, xunto ao alcalde de Baños de Malgos, Xaime Iglesias; ao xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; ao presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; e ao presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure, o Campionato Galego de Ciclismo en ruta nas categorías cadetes, féminas e juniors 2021, que terá lugar o vindeiro sábado, 10 de xullo.
O Campionato disputarase na vila termal de Baños de Molgas sendo “a proba máis importante do ano do ciclismo galego destas categorías e na que se darán cita máis de 300 deportistas”, dixo o presidente da Federación Galega de Ciclismo.
A competición forma parte do proxecto “Campionatos galegos de ciclismo en estrada” que o Grupo Deportivo Ado Moure Pro Deporte presenta dentro do seu programa de probas para a tempada 2021 e que consiste na realización de tres probas ciclistas “en liña” nunha sola xornada.
As tres carreiras en liña terán como punto de saída e chegada a Estación do ferrocarril de Baños de Molgas – Inorde que foi rehabilitada a través dos proxectos de cooperación transfronteiriza “Estaciones” e “Estaciones Vivas”.
Este evento, que tamén exerce de Copa Deputación de Ourense, celebrarase en dobre sesión. Pola mañá comezará cos cadetes masculinos, a partir das 10.00 horas, para posteriormente celebrarse a partir das 12.00 horas, todas as probas femininas, desde as categorías de cadetes a masters. Pola tarde, a competición comezará a partir das 16.45 horas para os juniors masculinos.