A vila termal de Baños de Molgas acollerá o próximo luns, día 12, unha proba do Campionato de Galicia de Ciclismo 2020, na modalidade de contra reloxo individual, na que participarán preto de 300 deportistas baixo as máis estritas medidas de seguridade pola Covid-19. Os detalles desta proba, que tamén forma parte da Copa Deputación, foron presentados esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial, nunha convocatoria na que estiveron presentes o vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez; o director técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande; o delegado de deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez; e o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias.
“O mundo do deporte quere seguir en activo -afirmou Plácido Álvarez na súa intervención- e mostra delo é o esforzo dos organizadores por realizar esta proba con todas as medidas de seguridade e seguindo as directrices marcadas polas autoridades sanitarias”. Álvarez salientou tamén a inclusión da carreira ciclista na Copa Deputación, “unha das trinta modalidades deportivas coas que colabora a institución provincial nunha aposta común polo fomento do deporte na provincia”.
A contra reloxo individual do próximo luns terá como punto de partida Os Milagres do Medo, “cun percorrido de 13 quilómetros por unha paraxe espectacular”, destacou pola súa banda o director técnico da Federación Galega de Ciclismo. Guillermo Sande explicou que o circuíto ten dúas partes ben diferenciadas. Unha primeira de 5 quilómetros, “moi técnica e onde o máis importante non é a velocidade, senón as habilidades do ciclista”, e un segundo trazado no que si primarán a forza e os tempos”.
Destacou Sande a participación de preto de 300 ciclistas masculinos e femininos, ademais de dous deportistas de ciclismo adaptado que dentro dun mes estarán no Campionato de España que se celebrará en Murcia, “pero todos eles só procedentes de Galicia dada a situación actual, aínda que con moitas ganas de estar nesta proba porque ata agora houbo moi pouca competición na comunidade”.
Manuel Pérez, como delegado de deportes da Xunta de Galicia, subliñou a estreita colaboración que desde o Goberno galego manteñen co ciclismo, ademais de felicitar aos organizadores “polo gran traballo realizado para facer realidade esta proba nas actuais circunstancias”.
“Que Baños de Molgas sexa un punto de referencia para o ciclismo é todo un orgullo”, dixo entre tanto o alcalde deste concello, que lembrou a primeira proba que acolleron “como unha gran motivación para seguir traballando por esta disciplina, e agora aínda máis meritorio polas circunstancias”.
Ademais do director técnico da Federación, o delegado de deportes da Xunta e mailo alcalde de Baños de Molgas tiveron especiais palabras de agradecemento para Carlos Moure, organizador da proba a través do Club Ciclista ADO Moure, a quen definiron como “un loitador desta disciplina por riba de todo”.
Os organizadores, que agradeceron tamén a colaboración de Protección Civil e Tráfico, informaron tamén do peche das estradas afectadas polo circuíto, que se manterá desde primeiras horas da mañá ata as 16.00 horas.