O Inorde destina 50.000 euros para cooperar cos concellos en accións de promoción de produtos ourensáns

Os municipios de menos de 20.000 habitantes interesados en solicitar dita axuda poderán facelo ata o día 29 de abril

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico ten aberta a súa convocatoria para a concesión de axudas a concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para cooperar con eles en accións de promoción de produtos ourensáns levadas a cabo ao longo do 2022. As bases, que foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia o pasado sábado, 19 de marzo, abrindo así dita convocatoria, recollen como accións de promoción todas aquelas que teñan por obxecto e finalidade a difusión e posta en valor de produtos propios da provincia de Ourense. Produtos que sexan procedentes da actividade agrícola, gandeira, forestal ou calquera outra relacionada co sector primario, mineira ou artesanal, que sexa característico dalgunha das comarcas ou municipios e cuxa produción non poida ser obxecto de deslocalización.

Os municipios interesados en adherirse a esta convocatoria deberán presentar un único proxecto antes do día 29 de abril de 2022, data na que finaliza o prazo de presentación de solicitudes. Para tal finalidade, o Inorde destina un orzamento total de 50.000 euros, podendo ser obxecto destas axudas os proxectos cuxo importe sexa como mínimo de 6.000 euros. A porcentaxe das axudas concedidas poderá ser, como máximo, do 50% do custe total de cada proxecto para os concellos de 5.000 habitantes ou máis, e de ata o 70% para aqueles de menos de 5.000 habitantes.

Para máis información poden consultarse as bases no BOP do 19 de marzo, no seguinte enlace: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=64&fecha=20220319

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: