O Inorde e o Xeodestino Manzaneda – Trevinca organizan unha xornada formativa sobre comercialización turística

O Inorde e o Xeodestino Manzaneda – Trevinca veñen de organizar hoxe, no salón de actos do Concello do Barco, unha xornada formativa sobre comercialización turística dirixida ao sector privado que opera nos municipios deste xeodestino. Os encargados de ofrecer dita formación foron o presidente da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, ATREGA, e director de YuTravel, Jesús Ares, que conta con máis de 30 anos de experiencia no sector; e a vicepresidenta de ATREGA e CEO de Tee Travel, experta en comercialización do Camiño de Santiago, Mar Rodríguez.

Os relatores foron os encargados de trasladar a importancia de empregar as canles de comercialización existentes para atraer a un maior número de visitantes a este destino.  Durante a xornada, á que asistiron preto de vinte persoas do sector turístico, abordáronse as diferentes canles e alternativas  de comercialización que existen da cadea da valor do sector turístico, así como o papel que desenvolve a turoperación, as online travel agents, e as demandas e comportamentos dos clientes trala irrupción da pandemia.

Así mesmo, Mar Rodríguez, como experta na comercialización do Camiño de Santiago, analizou as posibilidades que ofrece o Camiño de Inverno como pulo de atracción de visitantes á zona, o perfil do peregrino, os aspectos que máis valoran e a importancia que ten estruturar experiencias turísticas que sirvan de complemento ao propio Camiño.

Ambos relatores como “teñen experiencia na xestión de grupos que pasaron por este xeodestino, a súa formación e visión contribuirá a facer unha análise sobre as súas fortalezas e debilidades, o que nos permitirá desenvolver unha estratexia conxunta de planificación do Xeodestino e afrontar os seus retos, tal e como poden ser a desestacionalización e o desenvolvemento de produtos sostibles competitivos”, explicou a xerente do Inorde.

De xeito previo á formación, Jesús Ares e Mar Rodríguez, acompañados pola xerente do Inorde, reuníronse no Pazo Provincial co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Posteriormente, Emma González xunto ao alcalde e ao concelleiro de Turismo do Barco, Alfredo García e Eladio Santos, respectivamente, visitaron cos relatores recursos enoturísticos do territorio.

Os concellos que integran o xeodestino Manzaneda – Trevinca son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: