Esta iniciativa, que conta coa participación da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, ten como obxectivo que coñezan os recursos e a oferta das empresas locais e poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización
O Inorde e o Xeodestino Manzaneda – Trevinca – Valdeorras organizan unha viaxe de familiarización enogastronómica coa participación de 13 operadores que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia. O obxectivo desta iniciativa, realizada coa participación da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, é que coñezan os recursos turísitcos do territorio e a oferta das empresas locais e poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización.
Este fam trip comezou onte martes, 2 de novembro cunha visita ao Observatorio Astronómico da Veiga, Destino Starlight, recoñecemento que os acredita como un dos mellores lugares do mundo para ver as estrelas. Posteriormente, trasladáronse ata o Concello de Bolo, onde puideron visitar o principal referente patrimonial do territorio que é o Santuario das Ermitas, ademais do Castelo de O Bolo. Finalmente, puideron gozar da oferta enogastronómica valdeorresa no Barco de Valdeorras e a Rúa.
Hoxe, 3 de novembro, tras unha reunión de traballo cos empresarios locais do sector turístico visitaron as “Covas” en Vilamartín de Valdeorras, un dos recursos máis singulares e característicos deste territorio. Tamén gozaron dunha cata nunha das adegas visitables que ofrece esta Ruta do Viño de Valdeorras e cascos históricos coma o de Petín.
Xa pola tarde desprazáronse ata Manzaneda para vivir a experiencia da recollida da castaña, elemento gastronómico tan propio do outono na zona. Posteriormente, visitarán a vila da Pobra de Trives e degustarán pratos típicos deste territorio elaborados polo chef Anxo Fernández, membro da asociación “Cociña Ourense”.
Este xeodestino está integrado polos municipios de: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras. E esta é unha das primeiras actuacións dun plan de traballo no que se promoverá o conxunto do territorio.