O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), organismo dependente da Deputación de Ourense, acaba de dar luz verde á convocatoria de subvencións destinadas a financiar accións de promoción de produtos propios da provincia durante o exercicio 2026.
Cun orzamento total de 75.000 euros, esta iniciativa busca poñer en valor a riqueza agroalimentaria, gandeira, forestal, mineira e artesanal de Ourense, incentivando aos concellos a organizar eventos e campañas que dean visibilidade ao que nos fai únicos.
¿Que se considera “produto propio”?
As bases definen como tal calquera produto vencellado ao sector primario ou artesanal que sexa característico da provincia ou das súas comarcas e que non poida ser deslocalizado. Isto inclúe:
-
Produtos con Denominación de Orixe.
-
Produtos con recoñecemento público e continuado ligado á súa localización xeográfica.
-
Especialidades gastronómicas propias de cada municipio ou comarca.
Beneficiarios e contía das axudas
A convocatoria está dirixida aos concellos da provincia de Ourense con menos de 20.000 habitantes.
O apoio económico variará en función da poboación do municipio:
-
Concellos de menos de 5.000 habitantes: Poderán recibir ata o 70% do custo do proxecto.
-
Concellos de entre 5.000 e 20.000 habitantes: Poderán recibir ata o 50% do orzamento.
En calquera caso, a subvención máxima por beneficiario será de 12.000 euros, e o proxecto presentado debe ter un orzamento mínimo de 6.000 euros.
Requisitos dos proxectos
Cada concello poderá presentar un único proxecto que aglutine unha ou varias accións promocionais. A memoria deberá incluír unha descrición detallada das actividades, os obxectivos perseguidos, as datas de execución e un orzamento detallado de ingresos e gastos.
É importante sinalar que non serán subvencionables os gastos de persoal municipal, obras, adquisición de bens inventariables ou mantemento de locais.
Prazos e presentación
O prazo para presentar as solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) (publicado o martes 17 de marzo de 2026).
A tramitación debe realizarse obrigatoriamente de xeito telemático a través da sede electrónica da Deputación de Ourense (https://sede.depourense.es/), dirixindo o trámite ao Inorde.


