O Inorde, presente no 54º Rallye de Ourense

O Inorde promocionará as súas actividades a través de dous stands informativos no maior escaparate do automobilismo na provincia de Ourense, o 54º Rallye de Ourense que foi presentado hoxe oficialmente no centro cultural “Marcos Valcárcel”.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen participou na presentación deste evento deportivo, explicou que “entre os obxectivos do Inorde está o desenvolvemento do destino a través da promoción de “Ourense, a provincia termal” en eventos de gran repercusión mediática organizados na provincia”. Por elo, desde os días 13 ao 17 de xullo daranse a coñecer os proxectos nos que está a traballar o Inorde a través de dous stands informativos no  54º Rallye de Ourense – RECALVI, a quinta proba do Campionato de España de Rally de asfalto, que conta cunha ampla participación de pilotos que atraen a multitude de afeccionados do mundo do motor.

A participación do Inorde neste evento automobilístico consistirá na instalación de dous stands promocionais con información sobre proxectos turísticos e culturais que actualmente se xestionan neste organismo como poden ser “Caminos Jacoboes del Oeste Peninsular”, “Keep On”, “Agriconect”, ou “Circular Labs”.  Os stands estarán no Xardín do Posío onde terá lugar a cerimonia de saída o día 16 de xullo e a entrega de premios o día 17 de xullo e, o segundo posto informativo estará no parque pechado en Expourense, dentro do recinto feiral.

O 54º Rallye de Ourense – RECALVI é puntuable para o Super Campionato de España de Rallyes e é xunto co  Rallye Princesa de Asturias a proba española con máis presenza no Campionato de España de Rallyes. A competición contará con 10 tramos cronometrados cunha distancia de 150 quilómetros.

“Esta edición conta cunha boa lista de inscritos con 80 coches e temos a todas as Copas, o que demostra que se están a facer ben as cousas”, dixo o presidente da Escudaría Ourense, Julio Bouzo durante a presentación do evento, acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; así como os alcaldes de Toén, Amoeiro e Allariz e representantes de diferentes entidades colaboradoras.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: