Esta iniciativa posta en marcha para promocionar o turismo no territorio transfronteirizo Ourense-norte de Portugal chegou hoxe a un lugar emblemático portugués como é Porto – Gaia
O autobús promocional, deste proxecto internacional, percorrerá máis de 1.500 quilómetros e visitará un total de 25 puntos durante dez días, incorporando como novidades unha oficina de turismo dixital e a participación dos universitarios becados no plan Erasmus Rural
Vila Nova de Gaia, 13 de setembro de 2021.-O norte de Portugal coñeceu hoxe o proxecto “Raia Termal en ruta”, a iniciativa posta en marcha pola Deputación de Ourense para promocionar o turismo no territorio transfronteirizo Ourense-norte de Portugal, difundindo os valores e recursos desta área mediante un autobús promocional que percorrerá máis de 1.500 quilómetros e visitará un total de 25 puntos durante dez días, incorporando como novidades unha oficina de turismo dixital e a participación dos universitarios becados no plan “Erasmus Rural”.
O autobús promocional chegou hoxe a un lugar emblemático do norte de Portugal como Porto – Vila Nova de Gaia, onde autoridades ourensás e portuguesas presentaron ante diferentes medios locais, este novo proxecto internacional que divulgará “as bondades patrimoniais, naturais, termais e paisaxísticas do noso territorio en diferentes lugares da nosa provincia e tamén do norte de Portugal”, dixo a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino, quen agradeceu ás institucións portuguesas a súa acollida e implicación “para facer posible que hoxe coñeza o norte de Portugal esta marabillosa iniciativa”.
A actividade foi presentada na Loja de Turismo de Vila Nova de Gaia pola deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; a xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, Emma González; o vicepresidente da Entidade Regional de Turismo Porto e Norte de Portugal, Ignácio Ribeiro; o vereador do Turismo do Município de Vila Nova de Gaia, José Guilherme Aguiar; e os representantes da ET Porto e Norte de Portugal e da Dirección da Asociación Termas de Portugal.
No marco do programa “Raia Termal”, financiado polo con fondos europeos FEDER a través do programa Interreg, o autobús promocional permitirá afondar nos vínculos históricos, culturais, sociais e naturais que temos entre Ourense e Portugal como pobos veciños. O autobús visitará diferentes municipios da provincia, ademais dos que integran o programa europeo (Lobios, Bande, Muíños, Cortegada, Melgaço e Terras de Bouro), así como outras importantes capitais como Porto, Vigo, A Coruña ou Santiago de Compostela. O percorrido terá, ademais, unha importante presenza en Ourense na celebración da feira Termatalia os días 16 e 17 de setembro.