O presidente do Inorde recibe, na escalinata da Catedral de Ourense, aos turoperadores do fam trip pola Vía da Prata

08 de Novembro de 2025

No encontro, os profesionais do sector trasladáronlle a Rosendo Fernández a súa “grata sorpresa” con este itinerario que a maioría descoñecía e puxeron en valor a gran riqueza patrimonial e turística que atesoura esta ruta xacobea

Ourense, 8 de novembro de 2025.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, recibiu hoxe na escalinata da Catedral de Ourense, aos turoperadores que están a participar na viaxe de familiarización organizada por esta entidade, en colaboración con Fairway, para dar a coñecer a oferta hostaleira, patrimonial e natural da Vía da Prata ao seu paso pola provincia de Ourense.

No encontro, os profesionais do sector trasladáronlle ao presidente do Inorde a súa “grata sorpresa” con este itinerario que a maioría descoñecía e puxeron en valor a gran riqueza patrimonial e turística que atesoura esta ruta xacobea.

Esta iniciativa, que se enmarca no Plan de Dinamización da Vía da Prata-Camiño Mozárabe da Deputación de Ourense, ten como obxectivo precisamente dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais deste itinerario a través da súa propia experiencia.

A viaxe, que comezou o xoves, 6 de novembro, levou aos turoperadores e á prensa especializada de Estados Unidos, Brasil, Indonesia, Sudáfrica, e España, a coñecer a calidade da oferta dos aloxamentos, da gastronomía e de todos os servizos que operan no territorio.

Visitaron referentes patrimoniais como Santa María de Mixós, a Fortaleza de Monterrei, a Colexiata de Xunqueira de Ambía, a Igrexa de Santiago de Allariz, o museo de Arte Sacra de Santa Clara, o Mosteiro de San Salvador, a Capela de San Miguel de Celanova, o Pazo de San Damián, a Catedral e, pola tarde, visitarán o Mosteiro de Oseira e o templo da Vera-Cruz. Tamén realizaron pequenas camiñatas para coñecer variantes do Camiño e degustaron a enogastronomía local de diferentes municipios polos que transcorre a Vía da Prata, outro dos atractivos desta experiencia.

Trátase de que, tras a súa propia experiencia no camiño, poidan impulsar, paquetes especializados na comercialización turística deste itinerario nas canles internacionais.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: