O tren turístico da ruta do viño Ribeiro-Rías Baixas pecha esta campaña que logra un récord histórico de ocupación

O presidente do Inorde destacou que este ano, pese a situación sanitaria, “logramos nas catro rutas do viño de Ourense, unha ocupación do 99,6%, é dicir, das 430 prazas ofertadas, ocupáronse 428”

Os Trens Turísticos de Galicia chegan ao seu fin coa saída hoxe da ruta do viño Ribeiro-Rías Baixas que pecha esta campaña que conseguiu un récord histórico de ocupación coa venda do 97,6% das prazas dispoñibles, é dicir, coa venda de 1.495 billetes, dos 1.532 que se ofertaron na presente edición. O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, destacou que, un ano máis, “os datos demostran que esta iniciativa, posta en marcha no ano 2013 entre o Inorde, Turismo de Galicia, e Renfe, volve a ser un éxito porque é a oportunidade idónea para coñecer os recursos turísticos do noso territorio a través dunha proposta sostible e segura”. E, este ano, pese a situación sanitaria, “batemos un novo récord histórico de ocupación nos Trens Turísticos, logrando unha porcentaxe de ocupación do 99,6% nas catros rutas dos viño da provincia de Ourense, é dicir, das 430 prazas ofertadas, ocupáronse 428”, salientou o presidente do Inorde, quen agradeceu aos visitantes que “un ano máis confiaran en nós e nos elixiran”.

Rutas do viño de Ourense

O Tren Turístico de Galicia pecha a súa oitava edición na que ofertou un total de 22 saídas por 11 itinerarios, dos cales 6 pasaron pola provincia de Ourense, o que supuxo que das 22 saídas, 10 delas pasaran polo noso territorio. E hoxe, foi a quenda para o itinerario da ruta do viño Ribeiro – Rías Baixas que levará aos turistas a coñecer os territorios destas dúas Denominacións de Orixe, podendo degustar un viño na adega Señoría de Rubiós e coñecer o encanto medieval de Ribadavia e do seu castelo. Pola tarde, visitarán o Museo do Viño de Galicia, situado na casa reitoral de Santo André de Camporredondo. Despois achegaranse ao castro de San Cibrao de Las e acabarán a viaxe visitando a estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, que alberga os museos do traxe tradicional galego e o museo do automóbil – Fundación Estanislao Reverter.

A esta ruta sumáronse a do Viño de Monterrei que amosou aos visitantes parte desta Denominación de Orixe e lugares patrimoniais de referencia como o Castelo de Monterrei. Tamén coñeceron o barrio antigo de Verín e a Vila de Allariz, para rematar coa visita á estación de ferrocarril de Baños de Molgas onde se atopa o Museo Moncho Borrajo.

A ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras levou aos visitantes ás paraxes destas Denominacións de Orixe. Viaxaron en catamarán polo Sil ata a contorna do mosteiro de Santo Estevo, continuando a visita no santuario das Ermidas. Degustaron viños na Denominación de Orixe de Valdeorras e coñeceron o seu museo ferroviario nos Peares.

Por último, a ruta do Viño da Ribeira Sacra ofreceu unha viaxe con parada no Centro de Interpretación do Viño, para embarcarse posteriormente nun catamarán e percorrer o río Sil. De volta coñeceron o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e a Aula-Museo do Ferrocarril dos Peares.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email