Ourense acolle a reunión dos socios do proxecto europeo Circular Labs

O Inorde, como socio, organizou unha xornada de traballo que se desenvolverá hoxe e mañá xoves, 3 de marzo, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, cun programa de actividades que inclúe visitas a exemplos de boas prácticas identificadas na nosa provincia

Ourense, 2 de marzo de 2022.-O Inorde organiza unha xornada de traballo cos socios do proxecto europeo “Circular Labs” que se desenvolverá hoxe e mañá xoves, 3 de marzo, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, cun programa de actividades que inclúe visitas a algúns dos exemplos de boas prácticas que foron identificadas no proxecto e que están publicadas na propia páxina https://marketplace.circularlabstoolkit.eu/

Na xornada danse cita todos os socios do proxecto para analizar os avances das accións previstas no plan de actividades do proxecto. Os socios do “Circular Labs” son, ademais do Inorde: a Fundación Escuela de Organización Industrial (xefe de fila); a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León; a Deputación de Ávila; o Concello de Valladolid que participará na reunión vía telemática; a Universidade de Salamanca; a Fundación Paideia Galiza; MAIEUTICA-Cooperativa de Ensino Superior – Maia; o Instituto Politécnico de Bragança; a Asociacion para o Desenvolvemento e a Innovación Tecnolóxica (ADITEC) do Porto e o Município de Montalegre.

O Inorde forma parte deste proxecto, a través do cal “promovemos a economía circular na nosa provincia porque somos conscientes de que é unha necesidade dos sectores produtores enfocando a nosa aposta cara as pequenas empresas ”, sinalou a xerente do Inorde, Emma González. Pola súa parte, a responsable de internacional da área de innovación, emprendedores e pemes da EOI, Eva Curto dixo que con este proxecto “queremos inspirar a todo tipo de entidades a que aposten pola economía circular como único modelo posible”.

O proxecto “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular no espazo ibérico” está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O obxectivo deste proxecto é integrar a economía circular en novos modelos de negocio, habilitando espazos para a creatividade, a xeración de ideas e a adaptación ao cambio, que contribúan a acelerar a transición do modelo “lineal” ao modelo “circular” baseado na eficiencia no uso dos recursos.

Ao longo deste proxecto que finaliza este ano, leváronse a cabo diferentes actividades que pretendían obter os resultados anteriormente citados. Por elo, “púxose en marcha unha ferramenta par ao impulso dun espírito empresarial que estivera baseado na economía circular, levamos a cabo un laboratorio de formación para apoiar esa adaptación ao cambio cara unha nova cultura empresarial e de emprendemento; creamos laboratorios de innovación en novas iniciativas empresariais para esa transición, como o “rural lab” que inauguramos no noso centro de Xinzo; puxemos en marcha un market place e unha exposición itinerante upcycling de exemplos de produtos e boas prácticas de economía circular, entre outras moitas xornadas que promoveron a economía circular entre os territorios socios do proxecto”, lembrou a xerente do Inorde.

Programa de actividades 

A xornada técnica desenvolverase polas mañás no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense. Hoxe, trala reunión, os socios visitarán en Allariz exemplos identificados no proxecto como “boa práctica” de economía circular como o Fogar do Santiso ou o obradoiro Rir&Co. Este último tamén participou cos seus produtos na mostra posta en marcha polo Inorde, no marco deste proxecto, que daba a coñecer exemplos de empresas cun modelo de negocio circular.

Por último, os socios visitarán o Laboratorio rural que se puxo en marcha no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia, a través deste proxecto europeo, para prestar apoio técnico aos pequenos produtores ourensáns que queiran transformarse cara a circularidade. De regreso a Ourense, visitarán o casco histórico da cidade.

Mañá xoves, a reunión comezará a partir das 09,30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Posteriormente, os socios do proxecto coñecerán un dos lugares máis emblemáticos da provincia de Ourense cunha viaxe en catamarán pola Ribeira Sacra.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email