Ourense destacou en FITUR 2025 cunha ampla oferta turística

A provincia de Ourense contou con presenza na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2025, celebrada en IFEMA Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, cun mostrador propio no stand de Turismo de Galicia, no que se promoveron os seus recursos turísticos. Aconteceron diversas presentacións e actividades que tiveron por obxecto promocionar os destinos máis destacados da provincia.

Ourense, 25 de xaneiro de 2025 || Dende o martes 22 ao domingo 26 de xaneiro celebrouse en IFEMA Madrid a cita internacional de turismo máis relevante do sector. No stand da Axencia de Turismo de Galicia, Ourense contou cun mostrador propio que exhibiu elementos promocionais de varias das súas comarcas. Este espazo permitiu aos visitantes descubrir a riqueza cultural, paisaxística e gastronómica da provincia, destacando os destinos a través de material informativo gráfico e multimedia. Os asistentes puideron coñecer o amplo abano de opcións que ofrece a nosa rexión para o turismo de calidade e sostible.

Primeira xornada de FITUR 2025: presentación da nova acción promocional da Vía da Prata – Camiño Mozárabe

Na xornada do mércores 22 de xaneiro, primeiro día de FITUR, mostrouse a nova promoción da  “Vía de la Plata; provincia de Ourense (OU yeah!)”, impulsada pola Deputación de Ourense a través do Inorde e coa colaboración de Turismo de Galicia. A presentación contou coa intervención do director da Axencia, Xosé Merelles, e o presidente do organismo provincial, Luis Menor.

Ademais, tivo lugar a presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial polo seu compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, na que tamén participou Menor, e na que se destacou o compromiso co turismo sostible e a posta en valor deste enclave único.

 

Segunda xornada de FITUR 2025: presentación do PST Ruta Milenaria Valdeorras

O xoves 23 de xaneiro, continuaron as actividades promocionais. Presentouse a campaña “Terras que saben” e o Plan de Sostibilidade Turística (PST) Ruta Milenaria Valdeorras, executado polo GDR Valdeorras, e financiado con fondos Next Generation UE,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Con este plan colabora a Diputación de Ourense, e e o Inorde o ente encargado deste Xeodestino, integrado polos concellos de A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa y Carballeda de Valdeorras.

Na presentación participaron o presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo e Representación Institucional, Rosendo Fernández e a xerente do organismo de desenvolvemento económico ourensán, Emma González.

Tamén se levou a cabo a presentación de Termatalia 2025, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que terá lugar en Colombia nesta edición. Así mesmo, presentouse a oferta turística do Ribeiro e Carballiño, destacando os seus viños de prestixio e a súa tradición termal. Nestas dúas últimas presentacións, tamén participou en calidade de deputado provincial Rosendo Fernández.

 

Terceira xornada de FITUR 2025: presentación da Guía das Mouras, do xeodestino Celanova-Xurés

O venres 24, o xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés lanzou en FITUR a súa proposta turística baseada no patrimonio e a natureza, presentando “A Guía das Mouras”, que ofrece 15 rutas de sendeirismo, unha por cada concello que integra o xeodestino, promovendo o turismo activo e a posta en valor do patrimonio tanxible e inmaterial da zona. No evento participaron o presidente do Inorde, a xerente do mesmo organismo e o director da Axencia Turismo de Galicia. Os Concellos que cobre dito xeodestino son os de A Bola, A Merca, Barbadás, Bande, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobios, Lobeira, Muíños, Padrenda, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea, que se convirten nos protagonistas deste documento que se inspira nas pegadas dos antigos camiños do contrabando.

Tamén se expoñeron os Trens Turísticos de Galicia 2025, unha iniciativa en  marcha dende o 2013 pola colaboración entre Renfe, Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense a través do Inorde e o Inorde, que ofrece paquetes temáticos, incluíndo as rutas dos viños do Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras, e que combina a experiencia ferroviaria coa enogastronomía e o patrimonio cultural.

Revalidación do convenio con Renfe

No marco de FITUR, revalidouse o convenio de colaboración entre o Inorde e Renfe, asinado por primeira vez hai dous anos, co obxectivo de promover o turismo e as viaxes de negocios en Ourense. Esta alianza, asinada polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o director da Área de Negocio de Alta Velocidade e Outros Servizos Comerciais de Renfe, Javier Pérez López, procura fomentar o uso do tren como medio de transporte sostible para a asistencia a congresos e potenciar o turismo vacacional.

Encontros con profesionais do sector, entrega de diplomas e asistencia do público xeral

Ao longo dos tres primeiros días da feira, a xerente do Inorde, Emma González, mantivo encontros con profesionais e medios especializados nacionais e internacionais do sector turístico, co propósito de establecer sinerxías e dar a coñecer a oferta turística de Ourense. Estas reunións permitiron afianzar relacións e explorar novas oportunidades de colaboración para a promoción da provincia en mercados estratéxicos.

Ademais, González recolleu as mencións de “destinos noveles” outorgadas aos xeodestinos Terras de Celanova-Serra do Xurés e Trevinca-Valdeorras no marco dos premios SICTED, organizados pola Secretaría de Estado de Turismo. Estes recoñecementos, entregados pola subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística, Ilona Shekyants Kazaryan, destacan o compromiso destes destinos coa calidade e a sustentabilidade turística.

Durante o sábado 25 e o domingo 26 de xaneiro, días de apertura ao público xeral, o mostrador de Ourense en FITUR espertou a curiosidade dos visitantes, que se achegaron para coñecer de primeira man as propostas turísticas da provincia. A diversidade de recursos naturais, culturais e gastronómicos presentados atraeu a numerosos asistentes interesados en descubrir os encantos de Ourense como destino turístico.

A participación de Ourense e Galicia en FITUR 2025 foi valorada de xeito moi positivo, recibindo unha excelente acollida. Máis de 150000 profesionais coñeceron de mércores e venres as principais novidades turísticas, e no que respecta a público xeral, aproximadamente 100000 persoas.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email