Paderne de Allariz acollerá a primeira proba do calendario da liga ourensá de Trail

Este evento deportivo, que celebrará a súa cuarta edición o domingo, 12 de marzo, ofrecerá dous posibles percorridos de 25 e 14 km

O Concello de Paderne de Allariz acollerá o domingo, 12 de marzo, a cuarta edición do seu trail inaugurando así o calendario das probas incluídas na liga ourensá de Trail deste ano. O evento deportivo ofrece aos participantes dous posibles percorridos de 25 e de 14 quilómetros de distancia. A presentación da proba tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez; os responsables do club organizador Runmaniak, José Manuel Regueiro e Lalo Arce; o xefe de ventas de Nissan, David Gómez; e representantes de Cruz Vermella, Carmen González e Ángela Ramallo.

O cuarto Trail de Paderne, que volve a ter carácter solidario, terá a súa saída e chegada na praza do municipio. A primeira saída será ás 9.00 horas para os participantes no percorrido de longa distancia (25Km) e media hora despois, ás 9.30 horas, sairán os inscritos no percorrido de 14 Km. Na proba disputaranse as categorías absoluta, senior, veteranos A e veteranos B, en todas elas en modalidade feminina e masculina.

Os interesados en participar nesta proba aínda están a tempo de inscribirse, ata cubrir as 200 prazas dispoñibles, a través da web www.saudeter.com ou da www.sportmaniacs.com. O prezo da inscrición para ambas distancias é de 17 euros e, ao tratarse dunha proba solidaria, destinaranse dous euros de cada inscrición aos proxectos de infancia que desenvolve a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella de Maceda.

Esta é a primeira proba programada no calendario da liga provincial de trail, estreada o ano pasado, para facilitar a participación dos afeccionados nos distintos eventos deportivos que se celebran por toda a xeografía ourensá.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email