Presentación do 9º Foro da Comunicación de Galicia en Expourense

A Deputación de Ourense e o Inorde colaboran coa 9ª edición do Foro da Comunicación de Galicia e cos Premios Paraugas, que converten a Ourense, o vindeiro 12 de novembro, na capital da comunicación e do marketing.

A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe na presentación de dito evento, en Expourense, na que tamén participou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza.

Na súa intervención, Emma González destacou o traballo que vén realizando a Deputación de Ourense nos últimos anos coa celebración da Ourense ICC Week e do OUFF atraendo a numerosos expertos de diferentes ámbitos creativos e culturais. Unha estratexia que se verá reforzada coa celebración, a partir do 19 de novembro, da Ourense Mobile Week, que será a primeira vez que esta marca faga un evento con dimensión en toda a provincia de Ourense.

Así mesmo, a xerente do Inorde desexou que este foro serva tamén, ademais dun encontro de análise e debate para profesionais do sector, para trasladar as pequenas e medianas empresas ourensás “a importancia que ten o marketing e a comunicación para o seu crecemento, pois temos claros exemplos de que grazas a unha eficaz estratexia comunicativa, pequenos produtores logran un importante posicionamento a nivel global, polo que contribúen en gran medida a afrontar o reto demográfico do noso rural”.

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: