Presentación do libro “GDR Sil-Bibei-Navea”, no Inorde

O Inorde acolleu hoxe a presentación do libro “GDR Sil – Bibei – Navea”, unha obra na que se recollen fotografías inéditas dos principais atractivos dos dez concellos que conforman este GDR. A presentación desta publicación correu a cargo da xerente do Inorde, Emma González; do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; do presidente do GDR, Francisco Magide; e do fotógrafo Adolfo Enríquez.

A xerente do Inorde dixo que esta publicación “ilustra á perfección o que somos e o que debemos continuar a ser: un destino sustentable”. A obra recolle “fermosas postais destes concellos que amosan cal é o ADN dunha provincia como a nosa eminentemente rural, enogastronómica e natural”.

Así mesmo, Emma González sinalou que Ourense debe continuar a “pensar en termos de calidade e preservación dos valores naturais do noso territorio, en canto ao turismo, e este traballo fotográfico plasma a experiencia que ofrecemos ao visitante e da que pode gozar se escolle a nosa provincia”.

O fotógrafo Adolfo Enríquez explicou que este traballo, que consta de 142 fotografías impresas nunha gran calidade, mestura a riqueza natural coa cultural ao recoller temas como as do Entroido. A foto da portada “escollina porque é o punto onde se une o Bibei co NAvea e pasan a fundirse máis adiante co Sil, polo tanto, é unha imaxe que explica ben este territorio”, dixo Adolfo Enríquez, quen explicou que ademais, “intentei amosar que os concellos menos populares teñen os mesmos recursos naturais e o mesmo potencial”.

Pola súa parte, Cesáreo Pardal lembrou que “debemos continuar a promocionar os recursos do interior de Galicia”, asegurando que este libro “é unha aposta para poñer en valor precisamente eses recursos que permitirá que a xente os coñeza ou incluso os redescubra”. “A pandemia mudou os hábitos de consumo do turismo e a primeira razón pola que vén o turista a Galicia é polas súas paisaxes, cuestión que se plasma á perfección nesta publicación. Polo tanto, cantas máis persoas logren ver estas fotografías e identificar eses lugares, será moi positivo para o turismo neste territorio”. Así mesmo, o presidente do Clúster de Turismo lembrou que a chegada da Alta Velocidade a Ourense é “unha oportunidade excepcional para o turismo e para continuar amosando a nosa Comunidade”.

 Neste mesmo sentido, o presidente do GDR dixo que este libro “amosa a inmensa beleza deste territorio” e creouse tamén pensando en que sexa “unha ferramenta para que veñan máis persoas e lograr que moitas delas investindo no territorio”. En canto ao turismo na zona, Magide salientou o tirón que ten o turismo activo e o turismo de natureza nestes territorios e que se viu reforzado coa posta en marcha de diferentes rutas de sendeirismo.  

Sil-Bibei-Navea ten como ámbito de actuación os concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email