O presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, asistiu hoxe en Oleiros (A Coruña), ao acto de entrega das distincións Q de Calidade Turística 2021, un selo que entrega o ICTE (Instituto para la Calidad Turística Española) a hoteis, axencias de viaxes, aloxamentos rurais, balnearios, portos deportivos, negocios de turismo activo e industrial e servizos de restauración.
Nesta ocasión, lograron esta distinción catro empresas ourensás: o aparthotel Arenteiro do Carballiño; Viajes Piña de Ourense; Adega Cooperativa San Roque – Terra do Castelo de Beade; e a Adega Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro – Viña Costeira de Ribadavia. Precisamente, foron estes últimos os que asistiron a recoller esta distinción que “pon en valor como a produción vitivinícola pode xerar valor engadido no rural e crear produtos turísticos de calidade”, dixo Rosendo Fernández.
Así mesmo, manifestou a súa satisfacción porque a nosa provincia “logre catro novos selos o que demostra que o noso destino continúa a dar boa conta da calidade que ofrece a través do gran traballo que están a realizar todos os profesionais do sector turístico”.
Coa entrega destas novas 31 distincións, a nosa Comunidade Autónoma acumula un total de 325 selos.