A participación das denominacións de orixe vitivinícolas e das empresas agroalimentarias ourensás no Salón Gourmets 2025, da man da Deputación de Ourense – Inorde, pecha cun balance moi positivo tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. O espazo expositivo serviu como plataforma para impulsar a proxección nacional e internacional dos produtos ourensáns, favorecendo o contacto con profesionais clave do sector e abrindo novas oportunidades comerciais.
Os Consellos Reguladores do viño, embaixadores da identidade vitivinícola ourensá
A participación dos consellos reguladores permitiu reforzar o posicionamento e a visibilidade dos viños ourensáns entre os distintos axentes do sector: distribución, hostalería, restauración e consumidor final.
-
D.O. Valdeorras destacou o interese recibido por parte de pequenos restaurantes e establecementos hostaleiros que valoraron especialmente a calidade e a personalidade dos seus viños brancos.
-
D.O. Ribeira Sacra fixo unha valoración moi positiva da súa presenza, con visitas de restaurantes, tendas gourmet, bares, distribuidores, sumilleres e estudantes, así como un numeroso público final interesado pola singularidade da zona.
-
C.R.D.O. Ribeiro subliñou a gran acollida por parte de profesionais do sector (sumilleres, tendas especializadas, restauración, etc.) e winelovers, especialmente atraídos pola variedade Treixadura, convertendo o stand nun espazo de referencia para descubrir os seus viños.
-
C.R.D.O. Monterrei acadou os seus obxectivos principais: reforzar a marca Monterrei e difundir os viños das súas adegas. Durante a feira, mantiveron encontros con profesionais da restauración, escolas de hostalería, distribución e público final.
Espazos das Denominacións de Orixe do viño ourensás no espazo do Inorde en Salón Gourmets
Empresas ourensás: impacto positivo, novos mercados e sinerxías
As empresas participantes coinciden en sinalar o alto valor estratéxico da súa presenza no stand institucional, destacando tanto a visibilidade da marca como os contactos establecidos.
- CienPorCel estima que entre 300 e 400 persoas visitaron o seu espazo, conseguindo abrir mercado en Madrid, Logroño, Sevilla e Ávila. Os seus embutidos de autor de Porco Celta tiveron unha excelente acollida por parte dos asistentes.
- Bodegas SIAH recibiu visitas de restaurantes, distribuidores e público final, cunha alta visibilidade dos seus viños grazas á forza do stand como escaparate.
- Celme logrou entre 25 e 30 contactos profesionais, principalmente con restaurantes, tendas e distribuidores interesados en incorporar os seus produtos.
- Mareterra Conservas mantivo unhas 10/12 reunións e contactos directos, ademais de recibir múltiples consultas posteriores a través do correo electrónico, consolidando a súa marca tamén a nivel internacional grazas ás reunións no centro de negocios.
- Galletas Pitucas rexistrou uns 30 contactos con tendas especializadas e distribuidores europeos, valorando moi positivamente a súa participación.
- Queixería Gaia Gourmets recolleu o interese de distribuidores nacionais e internacionais, así como de tendas gourmet e restauración. Salientaron tamén o nacemento de sinerxías con outras empresas participantes.
- Terras de Boborás puxo en valor os showcookings, que permitiron dar a coñecer os seus produtos a chefs interesados en incorporalos ás súas cartas. Estiman uns 10 contactos profesionais relevantes.
- Bravú acadou 8 contactos con maioristas e numerosos contactos con bares e tendas gourmet, ampliando o seu alcance a novos puntos de venda.
- Mel Aialama recolleu entre 15 e 20 contactos, tanto nacionais como internacionais. Valoran positivamente a rendibilidade dos contactos establecidos, moitos deles xa convertidos en pedidos.
- LaCentralHeladera destacou a visibilidade da súa marca e a consolidación da mesma como un dos principais logros da feira, recollendo unha decena de contactos profesionais.
Espazos das empresas ourensás no espazo do Inorde en Salón Gourmets
A Deputación de Ourense – Inorde continúa a traballar na promoción da excelencia agroalimentaria da provincia, facilitando ás empresas e entidades ourensás o acceso a espazos estratéxicos que favorezan o seu crecemento, internacionalización e recoñecemento dentro e fóra de Galicia.