A xerente do Inorde, Emma González, visitou a sede da Asociación Provincial de Talleres (ATAVE), acompañada polo seu presidente e vicepresidente, Ricardo Borrajo e Marcos Fernández, respectivamente.
Durante o encontro, os directivos da entidade trasladáronlle á xerente as liñas de traballo que realizan centradas principalmente en tres eixos: a formación, información e a representación e defensa dos intereses do colectivo en todas as institucións, un traballo que continuarán a desenvolver co apoio da Deputación de Ourense.
Na súa sede, a asociación ofrece formación a persoal activo e desempregados nos sectores de electromecánica e de chapa e pintura, contando con espazos acondicionados para estes labores. Estando autorizada pola Xunta de Galicia para impartir todos os certificados de profesionalidade do automóbil.
Pola súa parte, a xerente do Inorde destacou o labor desta asociación con moita implantación no rural -a primeira rexistrada na provincia de Ourense que este vindeiro maio cumprirá 46 anos- polo gran traballo de apoio que prestan para que este sector, que demanda cada vez máis man de obra cualificada, conte con persoal formado nestes eidos.
Ricardo Borrajo, quen agradeceu o compromiso do presidente provincial, José Manuel Baltar Blanco, desde o primeiro momento coa asociación, explicou que as liñas de traballo de Atave pasan por ofrecer “un plan formativo ambicioso en diferentes sectores, nunha sede que se adapta ás novas tecnoloxías para que os socios poidan dotarse de coñecementos nesas novas tendencias do automóbil”.
Durante a reunión, ambas entidades estudaron a posibilidade de realizar traballos conxuntos no eido da economía circular.