A Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, xunto co resto de socios do proxecto INTERREG POCTEP CIRCULAR LABS, organizan o vindeiro mércores 4 de novembro a xornada online sobre ferramentas de apoio para a implantación da economía circular pola empresa, en horario de 18:00 a 20:00 horas.
Na devandita xornada, presentarase a plataforma MarketPlace Circular Labs, a primeira comunidade virtual do Noroeste da Península Ibérica para dar visibilidade a produtos, servizos e modelos de negocio innovadores en economía circular.
Trátase de dar a coñecer Boas Prácticas e casos de éxito de economía circular desenvolvidas por empresas e emprendedores en Castela e León, Galicia e Norte de Portugal.
Tamén pretende crear unha comunidade virtual de innovadores, emprendedores e empresas que queiran acelerar a transición cara a unha economía circular e poidan compartir as súas ideas, proxectos ou buscar socios para desenvolvelos en cooperación con outras entidades.
A xornada completarase coa presentación do proxecto Circular Labs e da ferramenta de autoavaliación sobre economía circular creada no marco do proxecto. Ademais, contarase cun relatorio sobre os retos e oportunidades que ofrece a economía circular e sobre a certificación “residuo cero” de AENOR xunto a exemplos prácticos da súa aplicación.
Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
https://www.eoi.es/es/empresas/emprendedores/circular-labs