O Inorde concede preto de 75.000 euros para a promoción dos produtos propios de Ourense durante 2026

Xa está publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense a resolución da convocatoria pública de subvencións do Inorde para o financiamento de accións de promoción de produtos propios de Ourense realizadas por concellos da provincia durante o ano 2026.

A través deste procedemento de concorrencia competitiva, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico concede un total de 74.998,69 euros en axudas a 27 concellos ourensáns, co obxectivo de apoiar iniciativas que contribúen á promoción, posta en valor e difusión dos produtos propios da provincia.

As subvencións permitirán financiar festas, feiras, xornadas gastronómicas e outras accións promocionais vencelladas a produtos representativos do territorio, como o viño, a pataca, os pementos, a castaña, o pan, a empanada, os produtos de alta montaña ou diferentes elaboracións da gastronomía tradicional ourensá.

Con esta liña de apoio, o Inorde reforza o seu compromiso coa dinamización económica da provincia, coa promoción dos recursos locais e coa posta en valor da identidade produtiva e gastronómica de Ourense. Estas iniciativas contribúen, ademais, a fortalecer o papel dos concellos como axentes activos na promoción do territorio e na difusión dos produtos que forman parte da cultura e da tradición ourensá.

Entre os proxectos beneficiarios atópanse accións consolidadas como a Festa da Androlla e do Entroido de Viana do Bolo, a Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia, a Feira da Carne de Montederramo, a Festa Gastronómica do Cordeiro de Chandrexa de Queixa, as accións de promoción dos produtos de alta montaña da Veiga ou a Feira do Viño D.O. Monterrei de Verín, entre outras iniciativas desenvolvidas en diferentes puntos da provincia.

A resolución recolle tamén as obrigas de comunicación e visibilidade que deberán cumprir os concellos beneficiarios, incluíndo a referencia ao financiamento público recibido por parte do Inorde nos materiais impresos, audiovisuais, páxinas web, redes sociais e demais accións de comunicación relacionadas coas actividades subvencionadas.

A resolución foi publicada no BOP de Ourense número 110, do venres 12 de xuño de 2026.

Prema aquí para ver o BOP

 

 

Neste artigo:
Compartir nas redes sociais: