Persoal técnico do Inorde imparte unha charla formativa ás persoas maiores de Baltar sobre o tratamento da terra para o cultivo

Esta xornada enmárcase dentro do programa de “Atención ás persoas maiores no rural” que desenvolve Cáritas Ourense polo que, dentro do convenio que ten este organismo provincial con dita entidade, impartiuse esta charla na parroquia da Boullosa

Persoal técnico do Inorde impartiu unha charla formativa sobre o tratamento da terra para o cultivo no marco do programa de “Atención ás persoas maiores no rural”  que desenvolve Cáritas Diocesana de Ourense. En virtude do convenio de colaboración subscrito polo Inorde e dita entidade, traballadoras do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro desprazáronse ata a parroquia da Boullosa do Concello de Baltar para impartir esta xornada dirixida aos nosos maiores.

A charla realizouse co obxectivo de actualizar os coñecementos dos pequenos agricultores da zona en base ás novas ferramentas coas que poden contar para sacar o máximo beneficio das súas hortas. Durante a charla foron informados tamén da normativa aplicable no eido da protección de cultivos, en especial en relación as obrigas que deben cumprir para o emprego efectivo dos produtos fitosanitarios. Por último, tratouse de xeito transversal conceptos fundamentais en relación á conservación da biodiversidade, a loita biolóxica e a economía circular.

Esta acción enmárcase na filosofía que comparten ambas entidades de realizar actividades que propicien a continuidade das actividades agrarias, sobre todo no rural, tanto para o autoconsumo, como para dotar de ferramentas e coñecementos á cidadanía sobre a capacidade que ten a nosa terra para ofrecer oportunidades no rural e contribuír a combater o despoboamento nas zonas rurais da nosa provincia.

Ademais, este tipo de actividades demostran que o tratamento da terra para o cultivo é moi útil como ferramenta de dinamización social, integración de persoas en risco de exclusión e, por suposto, para axudar economicamente ás familias.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email